Ir arriba
Cargando ...
/
o tempo
Búsqueda de artículos

Novas de Castrelo

  • Luns, 12 Novembro do 2018

Asinado o protocolo de colaboración para a campaña EN NEGRO, na que participan 102 concellos e 3 deputacións

O alcalde Xurxo Rodríguez Méndez acudiu a Santiago de Compostela para asinar o protocolo en representación do concello de Castrelo de Miño, este luns 12 de novembro de 2018

Galería de fotos

Asinado o protocolo de colaboración para a campaña EN NEGRO, na que participan 102 concellos e 3 deputacións
O Salón Nobre do Pazo de Raxoi acolleu esta mañá a sinatura do protocolo de colaboración para o desenvolvemento da campaña En negro contra as violencias, que este ano chega a 102 concellos e a tres deputacións provinciais.

No protocolo asinado recóllense os obxectivos desta campaña, que son "fomentar unha acción de sensibilización cidadá contra as violencias machistas no ámbito municipal a través da coordinación entre concellos moi diversos e de diferentes cores políticas, implicando ao tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como a toda a cidadanía, nunha resposta colectiva de rexeitamento da violencia de xénero e dos asasinatos machistas".

No acto celebrado esta mañá asistiron alcaldes, alcaldesas e concelleiros e concelleiras de 69 concellos e das tres deputacións participantes, as da Coruña, Pontevedra e Lugo. A concelleira de Igualdade do Concello de Santiago de Compostela foi a encargada de dar a benvida, conducir o acto e dar as quendas de intervención. Marta Lois fixo fincapé "na gran potencia do municipalismo galego e os froitos que nos dan a colaboración e o traballo en rede entre todos e todas". Ademais, quixo reivindicar "un pacto social e político real contra as violencias machistas, un pacto no que os concellos temos moito que dicir".

A primeira en tomar a palabra foi a deputada da Deputación da Coruña, Ánxela Franco, quen apelou a "transformar a sociedade a través da educación para que o sistema educativo nos acompañe". Na mesma liña se pronunciou a deputada da Deputación de Pontevedra, María Montserrat Magallanes, ao asegurar que "vivimos nunha sociedade na que existe unha gran violencia contra as mulleres e é importante a implicación dos concellos, das deputacións e de toda a sociedade". Nese sentido, Sonsoles López, deputada pola Deputación de Lugo fixo un repaso polo traballo feito na provincia, xa que "este ano participan 30 concellos e o ano pasado foron 14, o que amosa que a campaña vai calando".

A colectividade e o traballo en rede da campaña En negro contra as violencias foron cuestións salientadas tamén pola alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, quen incidiu "na reposta colectiva" ante as violencias machistas e tamén a alcaldesa de Sarria, Pilar López: "debemos sentirnos moi orgullosas dunha campaña que chega a moitos lugares de Galicia, independentemente das cores políticas".

Pola súa banda, a alcaldesa de Allariz, María Cristina Cid, insistiu no "compromiso político e social que fai falta para loitar contra as violencias, sen esquecernos do financiamento". Lara Méndez, a rexedora de Lugo, puxo o foco en que "as cuestións de Estado están por riba dos intereses partidistas e o terrorismo machista é unha cuestión de Estado".

A rexedora de Mugardos, Pilar Díaz Otero, sinalou que na localidade "temos catro mulleres que denunciaron violencia machista, pero somos 1.800 as que a sufrimos dun xeito ou outro". Por iso os representantes públicos quixeron incidir na corresponsabilidade de todos e todas, xa que "o éxito deste proxecto pasa porque non só teñamos unha faixa nega na sede do Concello, senón en todo o municipio", tal e como indicou o alcalde de Nigrán, Juan González.

A alcaldesa de Narón, Marian Ferreiro e a súa homóloga en Tomiño, Sandra González, lembraron tamén os nenos e nenas que sofren violencia machista, xa que "non hai que esquecerse dos e das menores que viven nun inferno silencioso e son vítimas tamén da violencia machista", segundo indicou Sandra González. Por iso, sinalou a rexedora naronesa, "deberiamos ter todos e todas claro que a batalla contra o sexismo comeza dende que un bebé vén ao mundo".

Pechou o acto o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, quen quixo resaltar "a potencia desta campaña, que traspasou a fronteira de Compostela para chegar a unha terceira parte dos concellos do país e que se converteu nunha campaña da xente e da sociedade". Finalmente, os representantes municipais e provinciais procederon á sinatura do protocolo nos salóns contiguos ao Salón Nobre
Concello de Castrelo de Miño

Avda. Alejandro Ferrer, 18 - 32430 Castrelo de Miño (Ourense)
Telf. 988 493 000 | Fax 988 493 100 | E-mail: concello@castrelo.gal

Copyright © 2017 Concello de Castrelo de Miño. - Todos os dereitos reservados // Privado - Deseño, maquetación e programación web a medida Grupo5.com