Ir arriba

Xoves, 02 de Maio do 2024

Cargando ...
/
o tempo
Búsqueda de artículos

Axenda

Os estudos no Castro de Santa Lucía proseguirán este verán

  • xoves, 30 Marzo do 2017

Un equipo de investigadores da Universidade de Vigo realizou hoxe nas inmediacións do Castro de Santa Lucía, en Astariz, varios traballos co fin de realizar a planimetría do xacemento castrexo descuberto o verán pasado.

O profesor da Universidade de Vigo e director do Grupo de estudos de arqueoloxía, antigüidade e territorio (GEAAT), Fermín Pérez Losada, xunto coa doctoranda Jessica Silvares e varios traballadores dunha empresa especializada en estudos topográficos, conformaron o equipo de escavación que hoxe se citou en Castrelo de Miño.

Os traballos comezaron pola mañá realizando, primeiramente, a toma das coordenadas do perímetro do castro con GPS diferencial para, despois, realizar o voo cun dron que tomaría as imaxes aéreas da zona. Con isto, conséguese a planimetría, que é a medición e a representación da superficie con vistas a proseguir co estudo que se comezou o verán pasado e do que xa se espera unha segunda fase.

Para os meses de verán espérase a segunda campaña que continuará cos traballos realizados previamente no xacemento e que constituíu, basicamente, a primeira toma de contacto. Fermín Pérez confía que con estes descubrimentos e cos traballos que leven a cabo póidase deixar visible parte das estruturas arqueolóxicas descubertas como un recurso patrimonial máis do concello. Para iso, restaurarán parte da zona e acondicionarán, tras os estudos, o maior número de estruturas que se permita visitar, especialmente o penedo de Santa Lucía.

Especificamente, e polo seu significado, o profesor Pérez Losada recalca a importancia e sorpresa do descubrimento do lagar situado dentro do castro, que evidencia o antigo da tradición vitivinícola da zona. Polo momento, estanse realizados estudos con Carbono-14 que permitan datar coa maior precisión posible a época, da que sospeitan podería situarse ao redor dos séculos I ou II d. C. Nuns meses converteríase no único lagar rupestre de Galicia en estar datado con precisión.
 

Estudos aínda recentes

O Castro de Santa Lucía comezouse a estudar o 8 de agosto de 2016. Naquel momento comezouse unha intervención arqueolóxica a modo de primeira intervención que duraría todo o verán e que sería cualificada de exitosa polo seu enorme potencial. Con isto, púidose documentar a súa ocupación castrexa e galaico-romana a través de varios descubrimentos, como unha vivenda castrexa circular, restos de materiais ou un lagar galaico-romano.

Parte dos materiais descubertos, tales como moedas, unha fíbula ou pesos de redes foron expostos no Centro Sociocomunitario de Astariz o pasado ano. O xacemento descuberto foi soterrado para devolvelo ao seu estado orixinal con vistas a proseguir o seu estudo con posterioridade.

Galería de fotos

Concello de Castrelo de Miño

Avda. do Concello, 18 - 32430 Castrelo de Miño (Ourense)
Telf. 988 493 000 | Fax 988 493 100

Copyright © 2017 Concello de Castrelo de Miño. - Todos os dereitos reservados // Privado - Deseño, maquetación e programación web a medida Grupo5.com